Xavier Seoane , “Camiño do horizonte: Aquitecturas e Metrópolis de Manuel Suárez"

Hai un tempo, nunha reflexión persoal que podería constituír unha certa poética, dicía Manuel Suárez:
“A miña alma tira cara a materia, o barroco, a terra. Os pigmentos e os materiais cálidos. En cambio, a miña cruzada está en conseguir cada vez unha obra máis fría, máis `plástico´, máis sintética, máis minimalista, e iso é a miña loita, unha loita constante entre eses dous mundos, como tamén a miña vida”.
Quizais esa oposición entre contrarios que o artista expresaba en termos de batalla tanto espiritual como creadora, non veña a ser senón un aspecto máis dunha loita moito máis ampla: a tensión non sempre resoluble entre o apolíneo e o dionisíaco, entre orde e caos, razón e instinto, creación e destrución... Porque, no fondo, esa loita, en termos xerais, é a da vida. É a vida mesma. E, se nos restrinximos á práctica artística, é evidente que existen temperamentos que amosan que a arte (reflexo ou espello, dalgunha maneira, da vida), se é cosa mentale, tamén é pathos, é dicir, vibración cordial e humana a partir das mensaxes dos sentidos e dos impulsos afectivos e emocionais.


Estas tensións ou desacordos dialécticos entre contrarios, que xa estaban nas orixes (Heráclito, Lao Tsé...) e que son perturbadores desde unha perspectiva científica e empirista, son, de seu, e máis no plano ontolóxico, epistemolóxico e estético en que se move a creación artística, fecundos e incisivos, ademais de difícil ou raramente despexables. Quén sabe se, de selo, non se extinguiría en nós, por pura neutralización ou desvelamento, o nó ontolóxico básico, sempre marcadamente vital e pulsional, matricial e mistérico. Pois dese aleph persoal, desa terra incognita última veñen nacer, no fondo, as nosas paixóns, os nosos desexos, as nosas transtendas e latexos inconfesábeis, e quén sabe se tamén a nosa sede de coñecemento e a nosa urxencia expresiva e comunicativa.
Dalgunha maneira, teño a sensación de que nese campo de batalla establécese moita da pelexa pola expresión, pola palabra (neste caso, pola imaxe) en alguén que, como Manuel Suárez, amou tamén os mundos medievais e xa leva máis de década e media entregado ao combativo torneo da expresión plástica. 
Se cadra tamén a consecuencia disto a súa pintura, desde que coa suite “Horizontes” comezou a decantar unha xenuína liña de traballo (continuada logo polas series “Blanco María medio tono”, “Arquitecturas”, “Rectificacións”... até a actual de “Metrópolis”), evidencia, ademais dunha viva dialéctica entre a figuración e a abstracción, unha forte tensión entre os impulsos emocionais e instintivos, por un lado, e, por outro, as demandas de organización, de pertinencia construtiva. Trátase de dúas rédeas para frear o cabalo do instinto e da pulsión, do caos e do azar, pois doutra maneira a creación artística se cadra non tería lugar ou podería naufragar na aleatoriedade do puramente emerxivo ou magmático.

Series para unha poética

A serie “Horizontes”, realizada sobre madeira, exploraba ese concepto que constitúe tanto un límite como un reto. Deste xeito, a liña do horizonte, co xogo ceo-terra, coa presenza, en ocasións, de formas que suxerían barcos ou algunha outra suxestión figurativa, contribuía a estruturar unhas pezas nas que xa latían moitas das claves técnicas e expresivas das súas series posteriores: o cromatismo, as veladuras, os grafismos, os goteos... cun tratamento, moitas veces, resolutivo, con espátula... sen deixar de lado a exploración da materia, que adquiría relevo e propiciaba expresividades densificadas e grumosas.
A serie “Blanco María medio Tono”, moi contrastante coa anterior, e creada, en certa maneira, como homenaxe á súa esposa, quizais podería responder á cosmovisión poética que expresaban aqueles versos de Juan Ramón Jiménez no poemario Estío, de 1915:
“...conquistado, el blanco;
blanco verdadero, blanco
de eternidad, blanco, blanco...”


Porque nesa serie Manuel Suárez realizaba un grande esforzo á procura dunha difícil expresividade a partir do xogo practicamente exclusivo dos brancos. Cunha traballada poética de texturas, co emprego de elementos grumosos, salpicaduras, craquelados, manchas, veladuras, gradacións, xestos.... adentrábase nunha pintura fondamente subxectiva, xurdida de substratos anímicos primordiais e de difícil aprehensión e sutileza, por laborar nos límites expresivos do dicir cromático e da nudez expresiva. Hai, con certeza, un “sentimento de totalidade”, como apuntou ao respecto Ánxeles Penas. Unha certa inmersión en territorios nevados e transcendentes que, como Xoán Abeleira constatou, efunden unha “incrible variedade de tonalidades, escalas, tesituras, melodías e harmonías brancas”. Non sorprende que sexan poetas (Ánxeles Penas, Xoán Abeleira, Dores Tembrás, Fernán Vello...) algunhas das persoas que máis a fondo teñen abordado o seu mundo. Quizais pola difícil esexese que plantexa unha pintura que vai á procura de puros valores plásticos e poéticos, e demanda do espectador unha actitude mergullativa, para lograr adentrarse nestes ámbitos de matizada luminosidade e brancura. Como expresou Nuria Blanco na presentación da serie, en setembro de 2010 na galería Moret Art:
“É un branco único, cheo de matices, de luz. É o branco do transcendente, da eternidade (...). É o branco do amor e da verdade”.


Na serie “Arquitecturas” collía un grande protagonismo o aluminio, que moitas veces era raiado polo artista para acadar unha maior expresividade. Empregábanse tonalidades pratas, e xurdía un certo minimalismo, así como unha xeometrización construtivista, á procura dunha certa contención ou distanciamento, en claro contraste opositivo coa natureza máis barroquizante e expresiva dos gromos matéricos ou doutros momentos de maior énfase expresiva ou mesmo punxentemente expresionista.
Nesta serie aparecían tamén moitas pezas “matéricas”. Realizábanse sobre táboa vista e integraban anacos de grafito, ou colaxes, a través da introdución de teas, papeis, pegadas... así como certos elementos que aparecen noutras series do artista, como os planos ou liñas que actúan como “coordenadas” ou os grafismos raiados... As cores, agás a da madeira de fondo, de tonalidade crema, eran a branca e a negra.


Dentro das “Arquitecturas” tamén realizou numerosos papeis. Traballando sobre un gravado, usaba o engofrado con pintura prateada e con branco, sobre o que pegaba papel vexetal, para introducir logo plastóns de materia xeométrica. 
Na serie “Rectificacións” mantíñase un equilibrio entre espontaneidade e dimensión construtiva. A partir do tema da rectificación ou do borrado, entraba en xogo un repertorio no que as veladuras, transparencias e outras delicatessen texturais, táctiles, lumínicas e de valores materiais, perfilaban unha serie de achega abstracta non exenta tamén do despregue de tensións expresionistas a través do chorreo, a mancha, o riscado...

Luces e sombras na Metrópole

Na serie última, actual, “Metrópolis”, realizada sobre lenzo, Manuel Suárez dálle unha volta de porca máis á súa núa radicalidade cromática en branco e negro, con algún prata. O conxunto ten a súa orixe conceptual no famoso filme de Fritz Lang: unha obra paradigmática do noso tempo, unha chamada de atención radical da condición contemporánea como poden ser Tempos modernos, de Chaplin, ou, no literario, novelas como A metamorfose, de Kafka, 1984 de Orwell ou Un feliz mundo novo, de Huxley... Claro que a película, neste caso, só constitúe o pretexto, o indicio, a cita referencial. Porque a serie de Manuel Suárez presenta un mundo presidido pola mecanización, a enxeñaría, o ámbito industrial e operario... en base a péndulos, mecanismos, engranaxes, artefactos... tanto coa intención de decantar un detonante mundo interior, como dar unha resposta plástica a un momento histórico, coma o presente, de tintas sombrías e inquietantes.
Nesta serie, que ten por outra parte algúns puntos en común coas anteriores, o brazo e a man de Manuel Suárez constrúen cunha batuta contundente unha música estalante e xeométrica, cuxa vibrante xestualidade resulta decisiva como función estrutural e como liberación da forte sobrecarga expresiva.
Son cadros dun branco e un negro puxilísticos, de grande axuste compositivo, de ritmos violentos e liberados, que, a través dese “xestualismo construtivo”, establecen un máis axífugo que axípeta xogo de forzas, de accións, de luces e de planos...


Son obras, tamén, tan matrices como motrices, pois parecen partir de núcleos conflitivos embrionarios, expandíndose cun cinetismo que non ten nada que ver nin cun Modernismo avant la lettre, de fe cega na ciencia e no progreso, nin moito menos co vello optimismo histórico do Futurismo italiano, sustentado nunha inxenua e acrítica utopía cientificista e tecnicista, como se pode comprobar na exaltación entusiástica que desprende a “Oda triunfal” do portugués Pessoa, tan whitmaniana e porvirista.
Se cadra o dinamismo convicto de Manuel Suárez teña, moitas veces, non pouco que ver coa liberación dunha certa violencia larvada e implosiva, no sentido de responder a unha “física” interior conturbada, así como a un horizonte histórico e social presidido pola inxustiza e a explotación. De aí que, simbolicamente, poidamos intuír que a serie amosa un estoupido de violencia e de desaxuste que ten moito de alegoría do social e do humano, en canto a que toda forma de sosego ou de equilibrio parecen constituír un imposible nun contexto onde todo ameaza con desartellarse, descabalgar ou dinamitarse. Neste sentido, estariamos nun polo oposto das actitudes futuristas e das esperanzas aseverativas da grande maioría das construtivistas.


¿Constitúe “Metrópolis”, alén do que expresa de esgazamento e de negrura persoal, unha metáfora da mecanización, do control, da alienación? ¿Da fagocitación do humano pola máquina e a cronometrización? ¿Dun berro expansivo, contra todo corsé e coerción, á procura da luz e do aire? ¿Dunha oposición entre un branco que connotaría positividade, riqueza, luxo, poder, elitismo... e un negro que actuaría como denuncia da negatividade, da explotación e do submundo?

A arte como exploración e como catarse

Manuel Suárez aborda o difícil reto de explorar para adentro. De pintar, como dicía Reimundo Patiño, outro tensional en estado puro, de dentro a fóra. Iso esixe, sen dúbida, unha grande enerxía persoal, pois a enerxía o único que fai é transformarse, pasando o pulo interior directamente ás obras. Porque este tipo de pintura ten moito de parto e de catarse, de exploración e de baleirado. Hai algo, nela, de desentrañamento e curación do núcleo negro, profundo, sempre ocluso e inalcanzable, da interioridade. É, en certo modo, unha viaxe. Mais unha viaxe na que o artista debe deixar a pel. Por moito que pareza un traballo baseado nunha poética sinxela e de rápida execución. A súa rotundidade, a impulsividade substancial que zumega non deben enganarnos. Estas exploracións constitúen un duro traballo. Hai algo de explorador, sen dúbida, pero sobre todo de mineiro, de cavar cara á sombra para achar a luz, como Novalis preconizaba nos seus Nocturnos.


Noutro orde de cousas, Manuel Suárez coida moito a composición, pois sabe que se a estrutura se resente, a peza fracasa. De aí que un certo pulo ordenativo consiga artellar as afloracións caóticas, violentas ou magmáticas.
Estamos ante un pintor inquieto, pouco acomodaticio. Que practica o punzón da mirada interior, explorando as turbulencias psíquicas e emotivas, os substratos de fondo... De aí a aparencia de rabia, de obsesión, que hai detrás desta visión enerxética dunha vida e un mundo moitas veces angustiosos, brutais e deshumanizados. Quizais por iso a súa pintura se revela en termos de voltaxe, de liberación, cunha carga premonitoria, dramática e quén sabe se tanática...

Un horizonte. Unha Ítaca

Manuel Suárez, a quen lle preocupa o oficio, utiliza múltiples materiais coma o lenzo, a táboa, o aluminio ou o papel, no que fixo espléndidas series... de aí que, por veces, tamén incorpore a colaxe, a materia... e explore a rica gramática de trazos, formas e recursos que miudean polas distintas series.
Á procura do seu mundo, vai evoluíndo en función das demandas intrínsecas da súa experiencia, amosando que posúe un latexo interior nítido, unha coherencia de conxunto, sexa a obra máis “sosegada” ou “lírica”, por dicilo dalgún modo, ou máis urxente e confrontada, á marxe dos distintos conxuntos e rexistros ou do emprego das máis diversas técnicas ou soportes.


Non é doado manter ese pulso. Así, no camiño da súa Ítaca, bota man da tradición que mellor se avén ás súas necesidades. De aí que loite entre o barroquismo e o minimalismo, entre o construtivismo e o expresionismo, entre a figuración e a abstracción, entre as fruicións e seducións matéricas e o informalismo, entre o sígnico e o simbólico, entre a xestualidade e a xeometría...
Así é como o recordo, mentres o soliloquio da radio rosma o seu rumor de fondo, a escoitar no seu interior o estoupido sonoro dunha agresiva percusión visual, no seu soto clandestino da rúa Pla y Cancela, na Coruña, a tramar os seus xestos e arquitecturas, os seus berros e murmurios... cunha enerxía romántica, desinhibida e un punto iconoclasta.

 

Manuel Suárez . 2010 . Términos legales . Créditos .